Friday 20 de September de 2024

A Xunta de Galicia reivindica a labor das persoas voluntarias e agradece o traballo de Cruz Vermella no XIX Encontro de Voluntariado


A xornada propiciou o intercambio de coñecementos e experiencias entre os asistentes

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, participou no XIX Encontro de Voluntariado de Cruz Vermella en Galicia, “a primeira institución que consagrou ao voluntariado como unha ferramenta capaz de obter o mellor de cada ser humano”, afirmou a titular autonómica.

Os obxectivos do evento, no que se congregaron centos de persoas voluntarias, son favorecer o coñecemento e o intercambio de experiencias entre elas, así como recoñecer o seu valor e o seu papel na sociedade. Amparo González agradeceu o traballo da Cruz Vermella ao longo dos últimos 150 anos, unha institución que “nos ensinou o valor do respecto á vida e á dignidade humana a través do seu carácter voluntario”.

González Méndez quixo tamén destacar o alto grao de implicación voluntaria dos galegos e das galegas. “O noso compromiso como administración é o de seguir traballando con intensidade para dar a necesaria visibilidade e o recoñecemento público das persoas e das entidades que realizan accións de voluntariado”, afirmou Amparo González. Deste xeito, Galicia é a única Comunidade Autónoma que certifica a experiencia voluntaria, unha das novidades que recolle a Lei de Acción Voluntaria de Galicia.

Froito dese compromiso da Xunta de Galicia co voluntariado, as partidas para as ordes de subvención nesta materia incrementáronse en 2016 nun 5%, e implementouse unha nova liña de axudas dirixidas a entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento de actividades de voluntariado, cun orzamento de 145.245 euros.

Cómpre destacar que Galicia incrementa ano tras ano tanto o número de voluntarios como o número de entidades inscritas no Rexistro da Acción Voluntaria de Galicia, ascendendo a 38.930 e 875 respectivamente. Outro dos datos que destacou a Amparo González durante a súa intervención é a implicación da mocidade, xa que máis dun 74% dos preto de 2.000 voluntarios e voluntarias inscritos o ano pasado nos programa executados ou subvencionados pola Xunta de Galicia, foron persoas menores de 30 anos. “Estamos no bo camiño e debemos continuar neste esforzó común para contribuír a fortalecer a posta en valor do voluntariado, nun momento no que todos somos necesarios para construír un novo modelo de sociedade: integrador, inclusiva e participativa”, concluíu a directora xeral.